Miércoles 3 Marzo 2021

Face  Twitt  Google  Pint  Instagram

Tui reafírmase coma referente cultural coa súa oferta ao longo do ano

Publicidad
Arranca a programación do último trimestre que inclúe 10 espectáculos no Teatro Municipal

Tui reafírmase coma referente cultural coa oferta que presenta ao longo do ano e que é xa unha das sinais de identidade do municipio que atrae a público non só local senón de ámbito galego. Así o afirmou o alcalde, Enrique Cabaleiro, na presentación dos dez espectáculos que conforman a programación cultural do último trimestre do ano no Teatro Municipal de Tui. Esta oferta cultural comezará este venres, 7 de outubro, e rematará o venres 23 de decembro. A presentación da mesma realizouse esta mañá no ambigú do teatro por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Cultura, María José González, do director da AGADIC, Jacobo Sutil, da directora do CDG, Fefa Noia, e do director de Ibuprofeno Teatro, Santiago Cortegoso.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, fixo referencia amais ao evento que pecha esta programación, a presentación da Orquestra Sinfónica de Tui no concerto de Nadal, salientando que dende o concello fíxose unha aposta decidida pola creación desta agrupación con carácter transfronteirizo para dar difusión ao traballo que se realiza no conservatorio da cidade. Mentres a concelleira de Cultura, María José González, salientou o alto nivel da oferta cultural que se supera ano a ano con espectáculos que teñen unha gran acollida por parte do público.
O director da AGADIC, Jacobo Sutil, destacou a Tui coma referente na difusión cultural da súa programación, ao tempo que salientou que é un concello cómplice coas actividades que realizan dende a Rede Galega de Teatro e Auditorios. Fefa Noia, directora do CDG, Centro Dramático Galego, deu conta das boas perspectivas do sector en Galicia que comeza a superar a crise. Ata Tui achegarán a súa última montaxe Tartufo, unha revisión do texto de Molière, cun humor moi intelixente e interpretado por 10 actores de distintas xeracións.
Santiago Cortegoso, director de Ibuprofeno Teatro, explicou a singularidade e complexidade de Raclette, que foi Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais no 2014, e que na súa versión en castelán vén de ser recoñecida coa mención especial do público ao mellor espectáculo na Feira de Teatro de Castela e León e en La Rioja. En Tui será representada o 5 de novembro nun espectáculo no que cincuenta espectadores compartirán escenario cos cinco actores da función nunha curiosa cea.
Dez espectáculos de teatro, música e cinema até rematar o ano
A compañía de teatro Chévere é a encargada de abrir este venres a programación coa posta en escena da comedia documental “Eroski Paraíso” ás 21.30h. O próximo venres 14 o teatro acollerá un espectáculo musical dirixido a público familiar dende os 3 anos titulado “Invención” a cargo de Odaiko. O Centro Dramático Galego achega a súa última produción “Tartufo” o venres 21 de outubro, mentres que o sábado 22 actuará Galitoon co espectáculo infantil “Güela-Güela”. No mes de novembro o venres 4 será a quenda de Elefante Elegante coa súa montaxe “Danza da choiva”, o sábado 5 Ibuprofeno Teatro achegará “Raclette”, o 11 de novembro os tudenses Best Boy presentarán o seu traballo discográfico “Cross the border” e o 18 Pérez&Fernández presentan a obra infantil “O Poder de Amabel”. Por último en decembro está programada para o xoves 22 a proxección da película “Holy night! Noite de Paz?”, e pechando esta oferta o venres 23 concerto de Nadal a cargo da Orquestra Sinfónica de Tui que se presentará neste evento.