Miércoles 15 Agosto 2018

Face  Twitt  Google  Pint  Instagram

Publicidad
Panadería Xulio C/ Lugo 9 Tui
A axenda Corredoira Cultural recolle tamén eventos coma o Entroido, as Festas de San Telmo, Play Doc e a Feira do Libro

Tui mantén a súa aposta por unha programación estable, de calidade, profesional, atractiva… que ten convertido á cidade nun lugar de referencia cultural a nivel galego e do norte de Portugal. Esta mañá deuse a coñecer a oferta que o público poderá gozar no Teatro Municipal nos meses de febreiro e marzo, xunto a outros eventos que até maio se van celebrar no municipio.Portada Teatro Corredoira Cultural
A presentacion correu a cargo de Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui; Eduardo Freiría, concelleiro de Cultura, Patrimonio e Medio Ambiente; Jacobo Sutil, director da AGADIC; Fran Rei, xerente de Culturactiva, Cayetano Lledó, mago profesional; e Fina Calleja, actriz de Sarabela Teatro.
Nesta presentación o alcalde, Carlos Vázquez Padín, salientou que esta axenda “é referencia como proxecto de programación cultural ben organizado, estable, e cunha continuidade de moitos anos”. Engadiu que Tui “é unha das cidades máis importantes de Galicia dende a perspectiva histórica, monumental e tamén o debe ser dende a perspectiva cultural”. A axenda cultural presentada esta mañá refrenda “esa aposta, que ten que ser cardinal, para Tui pola cultura”.
O concelleiro de Cultura, Patrimonio e Medio Ambiente, Eduardo Freiría, explicou que a oferta que se presenta está conformada por 6 espectáculo dentro da Rede Galega de Teatro e Auditorios, e 2 contratados directamente polo Concello. E incidiu en que o feito de que a axenda se reparta tamén en Valença, contribúe a “traspasar fronteiras” e reforzar o vínculo cultural que temos co país veciño.
O director da AGADIC, Jacobo Sutil, sinalou que “Tui é un referente no sur de Galicia en programación cultural”, na que se combina “unha programación de base local con compañías de distribución por Galicia, España e Protugal”, que logra unhas cifras de público das máis altas da Rede Galega de Teatros e Auditorios, sumando máis de 320 mil espectadores nos quince anos de funcionamento do Teatro Municipal.
O Teatro Municipal de Tui, que cumpre o próximo 11 de abril quince anos de actividade, acollerá nos dous próximos meses oito espectáculos para todos os públicos. Seis deles pertencen á Rede Galega de Teatro Auditorios, da que Tui forma parte dende hai tamén quince anos, unha colaboración sen a que non sería posible desenvolver esta programación. Amais o Concello fixo unha aposta polo cinema coa contratación da proxección de dúas películas, unha de animación para público infantil “Ballerina” o 9 de febreiro, e outra para público adulto “Maria (e os demais)” o 10 de febreiro.Portada Eventos Corredoira Cultural2
O público familiar é un dos grandes activos do teatro e para el están pensados o espectáculo de teatro e música “Paxaro Amigo, músicas para a paz” que achegará Mamá Cabra o 2 de febreiro, a presenza do mago Cayetano Lledó con “Sherlock Holmes” o 3 de marzo, e a representación de “Pum,pum!” de Baobab Teatro o 10 de marzo.
Mentres para todos os públicos vai dirixida “La Zanja” a obra que Titzina Teatre de Cerdanyola del Valles representará o 3 de febreiro, o espectáculo “Falar sen cancelas” con Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz que está previsto para o 2 de marzo , e “O rei morre” que Sarabela Teatro presentará o 9 de marzo.
Xa fóra do Teatro Municipal a primeira cita será coa celebración do Entroido co XXXI Desfile Concurso de Comparsas o luns 12 de febreiro – festivo local na cidade – e co Enterro do Bacallau o Domingo 18 de febreiro. As festas de San Telmo, que se celebrarán do 31 de marzo ao 9 de abril, declaradas de interese turístico galego, forman parte tamén desta oferta con eventos coma o festival folclórico e a Semana de Teatro Afeccionado que cumpre unha década, como avance dunha programación que se dará a coñecer proximamente. Unha referencia indiscutible a nivel internacional no mundo audiovisual é o Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, que celebrará do 26 de abril ao 1 de maio e que vén incluído tamén na programación presentada esta mañá, que se completa coa XXI Feira do Libro prevista para o 17 de maio dedicada á escritora María Victoria Moreno.
A axenda Corredoira Cultural, na súa 35ª edición, recolle esta programación xunto a celebración tamén do 25º aniversario da Radio Municipal de Tui o próximo 16 de abril. Desta axenda edítanse 15 mil exemplares que hoxe mesmo son distribuídos en Tui e Valença e que contribúen a promocionar as actividades presentadas. Unha valla no exterior da Área Panorámica informa tamén a veciños e visitantes desta oferta. Unha información que se reforza a través da web municipal , da redes sociais – Facebook e Twitter, así coma do servizo de información ao público, entre outros medios.

Publicidad