Miércoles 22 Noviembre 2017

Face  Twitt  Google  Pint  Instagram

A comedia protagoniza a VIII Semana de Teatro Afeccionado

Cinco dos seis grupos participantes estrearán as súas montaxes da temporada nas festas

A comedia protagoniza a VIII Semana de Teatro Afeccionado que se vai celebrar no Teatro Municipal de Tui do luns 28 de marzo ao sábado 2 de abril. Cinco dos seis grupos tudenses participantes apostaron por estrear as súas montaxes desta temporada durante esta cita que coincide coa celebración das Festas de San Telmo.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, María José González, xunto a Estela Rey e Seila Vila do grupo Aloia de Pazos de Reis, Amancio Muíños e Marita Giráldez do grupo Chirlomirlo de Randufe, Sofía González e Álvaro Iglesias de San Fins de Rebordáns, Melo Álvarez do grupo Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui, Ubaldo Estévez e ESteban Alonso de Mesturanzas de Areas, e Elena Mansinho e Ana Belén Bernárdez do grupo da Asociación Santiago de Malvas foron os encargados de presentar esta programación.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicou que no ámbito cultural de Tui, cunha intensa actividade, as obras de teatro amador tamén deben ter cabida na programación. Nese senso salientaba coma esta semana de teatro está xa consolidada e esperta moi interese no público, convidando a asistir a estas citas teatrais.22032016 Cartel Semana de Teatro

Publicidad

A concelleira de Cultura, María José González, destacou que pola súa vinculación ao teatro afeccionado é para ela unha honra presentar esta programación, agradecendo aos grupos participantes a súa achega por facer grande esta semana, dicía. Ao tempo resaltou a ampla participación que esta actividade ten tanto polos 50 actores que protagonizan as distintas obras, coma polo público que acode á mesma.
O grupo de teatro Aloia de Pazos de Reis será o responsable de abrir esta Semana de Teatro o próximo luns, 28 de marzo, ás 21.15h no Teatro Municipal de Tui coa representación da comedia “O caso da muller asasinadiña” baixo a dirección de Noelia Solla e con nove actores na estrea desta obra. O martes, 29 de marzo, o grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Xuntanza de Randufe estrea “Romeo e Xulieta”. Areta Bolado dirixe aos dez actores que dan vida a esta comedia que presenta unha versión cómica da obra clásica. O mércores será a quenda do grupo de teatro da Asociación San Fins de Rebordáns que tamén estreará a comedia “A mesa do rincón” dando vida ao texto de Mila Oya. O xoves o grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui estreará “A miña tía e as súas cousas” baixo a dirección de Arseio Gállego Chacón. Os dez actores da obra levarannos ata a historia dunha tía e a súa sobriña que lembran anualmente a desaparición do marido da tía na Rusia da División Azul. O venres o grupo de teatro Mesturanzas da Asociación Seixos Albos de Areas estreará baixo a dirección de Ubaldo Estévez a comedia “Ah...que familia!” con oito actores en escena. De luns a venres as representacións comezarán ás 21.15h.

Por último o sábado, ás 20.15h, o grupo de teatro da Asociación Santiago de Malvas presenta “A verdadeira historia de carapuchiña vermella”, unha obra escrita por alumnos do IES San Paio que achega unha perspectiva diferente do clásico conto.
Ás entradas poranse á venda cada día no despacho de billetes hora e media antes do comezo da función ao prezo de 1,5€. Unha vez iniciado o espectáculo non se poderá acceder ao patio de butacas.
Programación
Luns 28 ás 21.15h. O grupo de teatro Aloia da Asociación Aloia de Pazos de Reis presenta “O caso da muller asasinadiña”.
Martes 29 ás 21.15h. O grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Xuntanza de Randufe presenta “Romeo e Xulieta”.
Mércores 30 ás 21.15h. O grupo de teatro da Asociación San Fins de Rebordáns presenta “A mesa do rincón”.
Xoves 31 ás 21.15h. O grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui presenta “A miña tía e as súas cousas”.
Venres 1 ás 21.15h. O grupo de teatro Mesturanzas da Asociación Seixos Albos de Areas presenta “Ah...que familia!”.
Sábado 2 ás 20.15h. O grupo de teatro da Asociación Santiago de Malvas presenta “A verdadeira historia de carapuchiña vermella”.
As entradas poranse á venda o día da función no despacho de billetes ao prezo de 1,5€ dende hora e media antes do comezo