Jueves 21 Septiembre 2017

Face  Twitt  Google  Pint  Instagram

Preto de 400 ciclistas daranse cita este domingo na III Transgalaica BTT en Tui

A proba, con 60 quilómetros en total, comezará ás 10h con saída dende a Macoca

Este domingo disputarase a III Transgalaica BTT en Tui, que reunirá a preto de 400 ciclistas. O circuíto terá un percorrido total de 60 quilómetros, cunha altura máxima de 582 metros.
Esta mañá tiña lugar a presentación desta proba competitiva, á que acudiron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, o presidente da Entidade Local Menor de Pazos de Reis, Enrique Pérez, Dean Flecher e Xavier Martínez, presidente e secretario respectivamente do Club Ciclista de la Fuente, Antonio Piña, responsable do circuíto e do CC de la Fuente e Javier Sánchez, xerente de Team Relay.

Publicidad

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que este circuíto permitirá que moitos dos participantes que non coñezan a cidade poidan facelo, e gozar especialmente do patrimonio natural de Tui. Subliñou que a axenda cultural e deportiva tudense é unha das máis amplas dos concellos galegos, grazas ó labor de persoas como Dean Flecher.
A proba, cuxa saída está marcada ás 10 da mañá dende a zona deportiva da Macoca, transcorrerá por distintas parroquias tudenses e por Chelo, no Porriño, tal é como explicou o concelleiro de Deportes do Concello de Tui, Laureano Alonso.
A chegada dos primeiros ciclistas está prevista para as 12.30h e ás 13.30h, unha hora despois, entregaranse os premios ós gañadores. Haberá catro categorías de participación: Elite sub 23, Master 30, Master 40 e Master 50-60. Por motivos loxísticos e de seguridade, establecerase un control de paso no quilómetro 30 da proba. Os participantes que non pasen polo mesmo antes de 2h 20' deberán retirarse clasificando co tempo marcado nese punto.
Dean Flecher, presidente do Club Ciclista de la Fuente, destacou que os mellores sitios nos que se pode colocar o público xeral para ver este circuíto son a Macoca e o cumio do Monte Aloia. Antonio Piña, responsable da proba do Club Ciclista de la Fuente, explicou que Tui presentará un circuíto totalmente novo que discorrerá na meirande parte polo Parque Natural Monte Aloia. Este percorrido será máis duro e máis técnico con respecto a anos anteriores e terá rodaduras na parte de Ribadelouro e en Prado.
Entre os deportistas máis destacados que van participar está Brandán Márquez, gañador da proba do 2014 en Tui, Javier Busto, actual líder do circuíto, Manuel Parada e Lara Lois, vencedora da primeira proba en Cotobade. A Transgalaica consta de 4 probas. A primeira tivo lugar en Cotobade, onde se impuxo Javier Busto. A segunda será este domingo en Tui, a terceira en Vigo o 3 de abril, e a cuarta e última proba será en Ames o 24 de abril.