Sábado 18 Noviembre 2017

Face  Twitt  Google  Pint  Instagram

Un centenar de participantes tomaran este sábado, 14 de maio, a saída do II Rallie Eurocidade organizado pola Escudería Dona Urraca coa colaboración do Concello de Tui e da Cámara Municipal de Valença.

Esta proba deportiva foi presentada este mediodía no Parador de Turismo San Telmo de Tui polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, os concelleiros de deportes de Tui e Valença, Laureano Alonso e José Monte, o concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón, o deputado provincial da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, o xefe do servizo provincial de Deportes, Daniel Benavides,e o presidente da Escudería Doña Urraca, Marcos González.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou coma ao abeiro da Eurocidade se realizan unha serie de eventos, entre eles os deportivos, que teñen unha singulariedade única no marco europeo, ao ser un exemplo a nivel europeo de dúas cidades que comparten máis dunha véntena de actividades deportivas. Aproveitou para reclamar, nunha nova ocasión, que dende a UE se dote aos municipios con marcado carácter transfronteirizo unha regulación propia e específica que recolla esta realidade para superar os atrancos administrativos que hai en moitas ocasións. Amosou o seu convencemento no éxito desta segunda edición, que ten tamén a súa repercusión positiva na hostalería e restauración locais.
O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Méndes, na súa intervención desexou que na terceira edición desta proba deportiva se poida volver a celebrar tanto en territorio de Tui coma de Valença coma aconteceu na primeira e exitosa edición, superando así os desencontros entre a federación galega e a española de automobilismo. Dese xeito amosou a súa esperanza de ter no futuro un gran rallie do norte de Portugal e de Galicia. Afirmou amais que hoxe “non se pode falar de cooperación transfronteiriza sen falar da Eurocidade”. O vereador de Desporto de Valença, José Monte, destacou coma o rallie é un evento de referencia dentro da marca deportiva da Eurocidade, polo que porán todo o seu empeño en lograr a súa promoción tanto en Galicia coma no norte de Portugal.
Marcos González, presidente da Escudería Dona Urraca, explicou que os participantes terán que realizar catro tramos a dobre volta, dous pola mañá e dous pola tarde na xornada do sábado polos municipios de Tui, Tomiño, Salceda de Caselas e O Porriño. O venres terán que pasar as verificacións técnicas e administrativas. O presidente da Escudería Dona Urraca fixo unha chamamento ao público para respectar as medidas de seguridade, e situarse en zonas seguras nos distintos tramos para así garantir o normal desenvolvemento da proba e a súa propia seguridade. Tamén tivo palabras de agradecemento para os voluntarios do rallie, sen os cales non sería posible a súa celebración. Esperaba que na terceira edición se poida celebrar xa tanto en Tui coma en Valença.
Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes, destacou coma a Eurocidade é un exemplo de cooperación entre dúas localidades, e entre dous países. O deputado provincial Carlos López Font na súa intervención congratulouse de que o rallie se retomara tras un ano de paréntese, felicitando a todos os que puxeron o seu empeño para a celebración desta segunda edición. Salientou amais que o rallie é máis que un evento deportivo é tamén un modelo de colaboración polo que teñen apostado Tui e Valença.
Este venres dende ás 12h terán lugar as verificacións administrativas no Parador de Turismo San Telmo, e media hora despois comezarán as técnicas na explanada da antiga alfándega na Avenida de Portugal. O parque pechado situarase na rúa Compostela, dende onde á 21h terá lugar a saída cerimonial ata o Paseo da Corredoira.
O sábado ás 8.30h darase a saída ao primeiro participante na rúa Compostela, onde se fará a entrega de premios ás 23h. Toda información está accesible en http://www.escuderiadonaurraca.com/.

Publicidad