Jueves 21 Septiembre 2017

Face  Twitt  Google  Pint  Instagram

Publicidad
Tuicom-articulos

A IV edición do Festival Internacional de Instrumentos de Tecla da Eurocidade Tui-Valença celebrarase do 25 ao 30 de xullo

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, foi o anfitrión da presentación da IV edición do Festival Internacional de Instrumentos de Tecla da Eurocidade Tui-Valença, IKFEM, que se celebrará entre o 25 de 30 de xullo. Na presentación celebrada hoxe na casa do Concello de Tui estiveron tamén presentes o presidente da Cámara Municipal de Valença, Jorge Salgueiro, os responsables de cultura de ambas cidades, María José González e José Monte, o xefe de servizo da área de cultura da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel González , a directora do Festival, Andrea González, e o músico Daniel Pereira.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, trasladou a Andrea González e ao seu equipo os parabéns da corporación municipal por lograr continuar co festival na que é a súa cuarta edición. O rexedor tudense quixo lembrar a importancia dos servizos públicos municipais e dixo sentirse “afortunado de que o Conservatorio de Música da cidade dera nacemento a músicos que se converteron en profesionais e que, ao abeiro dos servizos públicos, realizan eventos de gran nivel como é o IKFEM, un festival recoñecido fóra das nosas fronteiras polo seu contido, dimensión e repercusión”. Ao igual que presidente da Cámara Municipal de Valença, Jorge Salgueiro, Enrique Cabaleiro celebrou o bo facer da Eurocidade Tui-Valença e fixo fincapé en “traballar aínda máis no ámbito da Eurocidade e nas súas competencias” á vez que agradeceu o compromiso do seu homólogo portugués.
Nos seis días que dura o festival, Tui acollerá oito eventos na Igrexa de Santo Domingo, no Auditorio do Seminario, na Catedral, no Teatro Municipal e na Praza de San Fernando. A directora do festival, Andrea González, agradeceu o apoio as institucións e empresas colaboradoras e invitou a todos os veciños “a achegarse aos concertos que son o reflexo dun evento único froito dunha cooperación de artistas de España e Portugal que resulta pouco habitual”. Un evento musical que celebrou Daniel Pereira, que colabora por terceiro ano consecutivo no IKFEM, ao considerar que é “decisivo” para involucrar á mocidade. Por último, o xefe de servizo da área de Cultura da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel González, salientou o entorno “único e sen parangón” no que se celebran os concertos.
Como novidade, nesta edición, a imaxe oficial do festival, composta por elementos de España e Portugal, contará cunha edición limitada de selos que distribuirá Correos e que permitirán promocionar o IKFEM. A programación de concertos e as master classes poden consultarse na web www.ikfem.com.