Jueves 21 Septiembre 2017

Face  Twitt  Google  Pint  Instagram

Publicidad

A cabalgata internacional partirá de Valença ás 17h e chegará ao Paseo da Corredoira en Tui ás 19h

A Eurocidade Tui-Valença prepárase para recibir este xoves aos Reis Magos Melchor, Gaspar e Baltasar, nunha cabalgata internacional que percorrerá as dúas cidades nun traxecto de preto de catro quilómetros entre dous países. A comitiva real partirá ás 17 hora española dende o Albergue de Peregrinos de San Teotonio en Valença e está previsto que dúas horas despois, ás 19h, chegue ata o Belén Vivinte situado baixo carpa no Paseo da Corredoira de Tui fronte ao Seminario Menor.
Abrirá o percorrido a GNR e a Policía Local de Tui seguidos da rondalla do Centro Cultural O Mosteiro de Pexegueiro, do tren turístico da Eurocidade, dun camión dos Bombeiros Voluntarios de Valença, dunha unha carroza alegórica da Cámara Municipal de Valença. A comitiva real proseguirá coas carrozas elaboradas polas asociacións culturais Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei, e Xuntanza de Randufe. Mentres Melchor, Gaspar e Baltasar, xunto aos seus paxes irán en tres magníficas carrozas elaboradas por persoal do Concello de Tui. Pecharán a cabalgata outro dos camións do Bombeiros Voluntarios de Valença, a ambulancia da Cruz Vermelha Portuguesa.Cartel Cabalgata de Reis 2017
Por oitavo ano consecutivo o punto de partida será no Albergue de Peregrinos de Valença na rúa José Maria Gonçalves, para continuar polas avenidas dos Bombeiros Voluntarios e de Espanha, e atravesar a vella Ponte Internacional, un dos momentos emblemáticos desta cabalgata. Xa en Tui o percorrido proseguirá pola avenida de Portugal, rúa Martínez Padín, Augusto González e Paseo da Corredoira. O remate será fronte ao Seminario Menor, onde por segundo ano, estará situado o Belén Vivinte no que os Reis Magos farán a súa ofrenda e darán lectura á mensaxe real. Logo Melchor, Gaspar e Baltasar agasallarán con caramelos sen gluten - repartiranse mil quilos en todo o percorrido - e recibirán a todos os nenos que desexen saudalos baixo a carpa de 40 por 10 metros instalada para a ocasión.
Mickey e Minie Mouse agardarán cos nenos a chegada dos Reis Magos
Previamente á chegada dos Reis Magos, e para facer máis amena a espera aos cativos, de 18.30h a ás 20:30h na Praza da Inmaculada estarán Mickey e Minie Mouse.
Visita ás residencias Paz e Ben e San Telmo
Melchor, Gaspar e Baltasar xunto á Rondalla do Centro Cultural O Mosteiro de Pexegueiro visitarán o xoves ás 10.30h aos maiores que viven na residencia Paz e Ben e ás 11.30h na residencia San Telmo.
A Cabalgata Internacional de Reis está organizada pola Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui conxuntamente coa Cámara Municipal de Valença, dentro das actividades da Eurocidade Valença-Tui. Colaboran a Radio Municipal de Tui, o Grupo Scout Alhoia, as asociacións culturais Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei e Xuntanza de Randufe e a Policía Local, por parte tudense, e a GNR, e Bombeiros Voluntarios de Valença.
Restricións no tráfico
Debido á celebración da Cabalgata de Reis haberá restricións de tráfico nas rúas por onde transcorre. Dende ás 14h non se poderá estacionar na avenida de Portugal, Martínez Padín e Augusto González Besada. Amais aproximadamente ás 18h, cortarase o tráfico na Avenida de Portugal, sendo desviado pola A55, e a medida que a cabalgata se aproxima ao centro urbano será cortado o tráfico en Martínez Padín, Augusto González Besada e Paseo da Corredoira. A circulación desviarase na intersección entre Augusto González Besada e a rúa Betanzos cara a Avenida da Concordia. Encargaranse de regular o tráfico cinco efectivos de Policía Local de Tui.
Cabalgata Internacional de Reis
Xoves, 5 de xaneiro de 2017
Ás 17 hora española do Albergue de Peregrinos de San Teotonio en Valença
ÁS 18h atravesará pola vella Ponte Internacional
Ás 19h diante do Seminario Menor no Paseo da Corredoira en Tui

Publicidad
Tuicom-articulos