Martes 11 Diciembre 2018

Face  Twitt  Google  Pint  Instagram

Publicidad
Panadería Xulio C/ Lugo 9 Tui
Entre as novidades está a Epic Race, un campionato de Yolas de remo, ou o Campionato Ibérico de Enduro Sprint

Unha trintena de actividades de até 19 modalidades deportivas conforman o Calendario Deportivo da Eurocidade Tui-Valença para este ano 2018, no que se inclúen varias novidades. Así se deu a coñecer esta mañá na Escola Superior de Ciencias Empresarias de Valença, onde tivo lugar a presentación destas actividades por parte do alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, o concelleiro de Deportes de Tui, Andrés Urseira, o vereador de Desporto de Valença, José Monte, a deputada provincial de Deportes, Chelo Besada, o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, e o director rexional do Instituto Portugués de Desporto, Vitor Días.
Automobilismo, fútbol, motociclismo, bicicleta de montaña, andainas, baloncesto, pádel, atletismo, judo, kung fu, natación, balonmán, hockei, tenis, remo, orientación, trail, baile deportivo e xadrez son as modalidades deportivas incluídas nesta ampla oferta deportiva da Eurocidade. As probas previstas desenvolveranse en Tui, Valença, o río Miño e tamén no espazo aéreo das dúas cidades.Calendario Deportivo Eurocidade 2018 Cartel
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, manifestou que o calendario deportivo presentado esta mañá achega unha oferta forte e nutrida de actividades. Ao tempo indicou que o deporte ten sido a punta de lanza da colaboración entre as dúas cidades, facendo fronte nalgúns casos ás dificultades burocráticas que teñen atopado. Por este motivo apuntaba o seu parecer a favor de constituír unha entidade xurídica entre Tui e Valença, que permita profundar na colaboración, compartir servizos, e lograr economías de escalas para unha cidade de 33 mil habitantes. Tamén tivo palabras de recoñecemento para os impulsores deste calendario o exconcelleiro tudense, Nicolás Monte, e o vereador de Desporto, José Monte.
O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, salientou que Tui e Valença son un exemplo de excelentes relacións de cooperación entre os municipios e outras institucións. E afirmou que a Eurocidade Valença-Tui é unha marca do presente para o futuro.
O concelleiro de Deportes de Tui, Andrés Urseira, destacou que o deste 2018 é o calendario deportivo máis ambicioso da Eurocidade, sinalando que se trata dunha proposta única en Europa entre dúas cidades de dous países, que contempla unha media de tres probas ao mes. Animou o edil a seguir a liña de colaboración marcada no ámbito Deportivo pola Eurocidade por outras áreas coma a da Cultura, a Educación ou os Servizos Sociais. Pola súa parte o vereador de Desporto de Valença, José Monte, tivo palabras de agradecemento para os clubs e empresas que se involucraron neste calendario Deportivo polo seu apoio e colaboración, e nunha aposta polo deporte coma saúde convidou a Tui a sumarse ao programa “Saúde e movemento” que levan a cabo no seu municipio.
O xefe de deportes da Xunta, Daniel Benavides, ofreceu a súa colaboración para levar a cabo en Tui e Valença as unidades didácticas de montañismo que se levan a cabo noutra zona da provincia. A deputada de Deportes, Chelo Besada, indicou que na Eurocidade Tui-Valença o deporte serviu coma un auténtico dinamizador, sendo quen de derrubar as fronteiras físicas. O director rexional do Instituto Portugués do Desporto, Vitor Diás, salientou que as Eurocidades coma Tui-Valença son cada vez máis pezas fundamentais para lograr a cohesión dun territorio, gañar en economías de escala e ser competitivos.
Entre as novidades que se presentan para este ano está a Epic Race, unha das probas máis duras de Btt que se celebran en España e que contempla un percorrido de 550 quilómetros en tres días por parte dos participantes. Amais por vez primeira celebrarase unha proba de iolas de remo en augas do río Miño cun campo de regatas completamente visible para o público. Tamén se incorpora o Campionato Ibérico de Enduro Sprint, unha proba de orientación no casco histórico de Tui e nas murallas de Valença, o un swimrun, unha proba singular e espectacular na que os deportistas combinan tramos a nado e correndo coa mesma indumentaria. Tamén se recuperará o Rallie da Eurocidade.
O calendario deportivo da Eurocidade abriuse o pasado día 3 de febreiro coa celebración da primeira proba do TT Eurocidade na que participaron 150 todos terreos, a segunda proba terá lugar o 24 deste mes para motos. Tamén este mes, o día 17 celebrarase a III Taça de San Teotonio na que se enfrontarán o Valenciano e o Tyde co gallo da festividade de San Teotonio en Valença, este encontro terá outro similar en Tui durante as festas de San Telmo coa III Copa San Telmo o 7 de abril.
O mes de marzo abrirase coa VII Eurocidade BTT que se celebrará o 4 de marzo e que pretende bater record de participantes. O prazo de inscrición está xa aberto.
En marzo comezará o VII Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade que ofrecerá até outubro un total de sete andainas, dúas delas nocturnas. Os campionatos de baloncesto, fútbol, padel, judo, kunf-fu, hockei, tenis, xadrez, e natación, celebrarán unha nova edición. A Eurocidade 10 ou a Urban Trail Night xunto ao festival aéreo, a xuntanza moteira ou o torneo de baile deportivo completan o calendario previsto.

Publicidad