Sábado 18 Noviembre 2017

Face  Twitt  Google  Pint  Instagram

O alcalde de Tui destacou este programa é o máis importante e máis intenso de carácter transfronteirizo que existe na península ibérica

Trinta actividades a celebrar entre os meses de febreiro e decembro conforman o calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença que foi presentado esta mañá na Casa do Concello de Tui. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, e os responsables de deportes dos dous municipios, Laureano Alonso e José Monte, foron os encargados de dar a coñecer as actividades previstas xunto ao concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón, o representante do equipo de veteranos do S.C. Valenciano, Antonio Oliveira, o director técnico da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, Eduardo Fernández, e o representante de Celtas do Minho, Bruno Gonçalves. O acto contou tamén coa asistencia de membros dos distintos clubs e entidades deportivas participantes neste calendario.

No acto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que o calendario deportivo que se presenta “é o máis importante e máis intenso de carácter transfronteirizo que existe na península ibérica, e pode que en Europa poucos exemplos similares se poden dar”. Isto é así segundo o rexedor tudense por unha banda pola iniciativa social importante dedicada ao deporte, polo patrimonio cultural e natural que ten a Eurocidade e porque se dan as condicións xeopolíticas coa marca Eurocidade consolidada.

O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, destacou precisamente a “marca Eurocidade” coma marca política consolidada a piques de cumprir os seis anos da súa constitución. Sinalaba que con traballo e dedicación é posible concretar proxectos coma o da Eurocidade, e se marcan puntos na axenda deportiva, cultural, e política. Afirmaba amais que a Eurocidade en Europa é un referente en cooperación transfronteiriza.
Laureano Alonso, concelleiro de Deportes de Tui, destacou que haberá case tres eventos ao mes sumando unha trintena de actividades ao longo do ano. Afirmo que a Eurocidade é un exemplo de dinamismo e actividades deportivas agardando que teñan unha gran acollida.
José Monte, vareador de Deportes de Valença, salientaba que tras cinco anos ten crecido o número de actividades, con 14 modalidades deportivas, e o interese que esperta a oferta conxunta das dúas cidades. Engadía que estes eventos poñen en valor o territorio con espazos coma o río Miño, os montes Aloia e Faro, e os equipamentos deportivos.

Pola súa parte o representante do equipo de veteranos do S.C. Valenciano, Antonio Oliveira, agradeceu o feito de que o fútbol 11 veteranos se incorpore a este calendario coa Taça San Teotonio e a Copa San Telmo que se fan coincidir coas festas locais dos dous municipios.

O director técnico da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, Eduardo Fernández, citou que o obxectivo este ano é superar os mil participantes nesta proba que se vai celebrar o 6 de marzo. Este ano ofertan de novo dous percorrido de 45 e 69 kms con novos traxectos. Por último o representante de Celtas do Minho, Bruno Gonçalves, salientou que entre as novidades que este ano presenta o Circuíto de Andainas Saudables está por unha banda o feito de que será preciso inscribirse previamente para participar, e por outra a que haberá unha andaina ao mes, así coma en territorio tudense serán guiadas polo club AndaTui RegodaPedra. Serán un total de dez percorrido o primeiro deles o 13 de marzo polo Trihlo de Pescadores e o último o 13 de novembro polo Trilho das dúas Bandas.
O Calendario Deportivo da Eurocidade Tui-Valença comezará esta mesma fin de semana coa celebración da I Taça San Teotonio de fútbol 11 veteranos, unha competición que se incorpora as actividades conxuntas de Tui e Valença. No mes de marzo comezará a celebrarse o V Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade cunha camiñada mensual ata novembro. Tamén en marzo se vai disputar a V Eurocidade BTT e o II Torneo de Baloncesto Eurocidade. En abril a cita será de novo co fútbol veterano coa I Copa San Telmo, e en maio celebrarase o II Rallie Eurocidade e o II Big Ride Eurocidade. En xuño contémplase o a V Eurocidade 10, o II Torneo de Judo Eurocidade e o III Campionato de Kung Fu Eurocidade. A VI Travesía a Nado Eurocidade será a cita no mes de xullo, mentres que en agosto terá lugar o V Trofeo de Balonmán Eurocidade, o II Festival Aéreo e parapente Eurocidade, e coma novidade o I Descenso de Boyas Eurocidade. No mes de setembro disputarase o V Torneo de Fútbol 7, o III Trofeo de Hockey e o III Torneo de Tenis. En outubro comezará a liga de Fútbol Sala Saudable que se prolongará ata maio de 2017. Pechan este calendario o III Torneo de Baile Deportivo e o I Urban Trail Night en novembro e o II Torneo de Xadrez en decembro.