Sábado 14 Diciembre 2019

Face  Twitt  Google  Pint  Instagram

A Avenida de Portugal será remodelada antes do Xacobeo 2021

O alcalde de Tui amosa a súa satisfacción polo compromiso do goberno central para dar resposta a esta vella demanda da cidade

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou hoxe a súa satisfacción polo compromiso do goberno central para levar a cabo a remodelación da Avenida de Portugal dende a vella Ponte Internacional até o cruzamento co Parador de Turismo. Así llo confirmou a subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, na reunión que mantiveron este mediodía na casa do concello. O alcalde lembrou que esta era unha vella demanda da cidade que fóra xa obxecto dunha moción plenaria en 2011 e que cando chegaron ao goberno en 2015 foi a primeira memoria valorada que realizaron.
Destacou Enrique Cabaleiro que se trata unha vía estratéxica por ser porta de entrada dende Portugal, e por ser amais o inicio do Camiño Portugués en Galicia, por onde destacaba pasan milleiros de peregrinos cada ano. Deste xeito con estas obras solucionarse a situación de precariedade na que se atopa este vial.
Agradeceu o mandatario tudense a celeridade coa que a subdelegada do Goberno en Pontevedra, atendeu a petición realizada polo rexedor para reunirse para abordar distintos temas na cidade, e achegar xa este compromiso para a humanización da Avenida de Portugal, na que o Ministerio de Fomento investirá aproximadamente 750 mil euros.
Segundo o exposto por Maica Larriba, subdelegada do goberno en Pontevedra, a obra estará rematada antes do Xacobeo 2021, xa que prevén licitar o proxecto definitivo a comezos do próximo ano e posteriormente a obra. Explicou que o proxecto de remodelación ten por obxectivo mellorar a seguridade vial nun tramo de medio quilómetro. Para iso reordenarase a sección actual da N-551 entre a intersección coa N-550 e o edificio da antiga Alfándega mellorando as seccións para os itinerarios peonís, a mellora do entorno e a reordenación do tráfico no entorno do edificio da policía fronteiriza. Prevese a ampliación de beirarrúas e a construción dunha rotonda entre a Avenida de Portugal, o cruzamento do Parador e a estrada N-550.