Sábado 18 Noviembre 2017

Face  Twitt  Google  Pint  Instagram

O Concello de Tui asume este ano por primeira vez a organización das festas de San Telmo

Celebraranse do 26 de marzo ao 4 de abril. Terán carácter popular e servirán de escaparate para presentar á cidade

O Concello de Tui asume este ano a organización das festas na honra a San Telmo, patrón da cidade, que se van celebrar do 26 de marzo ao 4 de abril. Iníciase baixo a organización municipal un proceso de cambio co obxectivo de que estas sexan unhas festas na rúa, onde se cree un espazo de encontro entre os veciños. Búscase así artellar uns festexos acordes coa cidade e dentro das posibilidades do Concello. Para iso levan traballando arreo nas últimas semanas as distintas concellerías elaborando un programa no que a cultura, o deporte, a gastronomía, o lecer, as actividades infantís, as verbenas se suceden ao longo de dez días de festa.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, acompañado polo equipo de goberno ao completo, foi esta mañá o responsable da presentación das Festas de San Telmo 2016. O rexedor tudense destacou na súa intervención que “en pleno século XXI unha entidade pública ten que asumir a organización das súas festas patronais” ao tempo que considera que “se tiñan que reconducir a termos de legalidade administrativa algunhas actuacións como cobrar as taxas por ocupación de vía pública”. Esta organización indicaba que supuxo un esforzo importante para as distintas concellerías. Entre as premisas baixo as que se asumiu a elaboración das festas estivo o carácter popular e a súa celebración na rúa, e a recuperación dalgunhas tradicións. Buscouse plasmar “os aspectos singulares que nos definen coma concello, que sirvan de ventá ao mundo, ao turismo e de escaparate co que nos poidamos presentar”. Con respecto ao acto que marca o inicio das festas, a lectura do pregón, terá marcado carácter institucional centrado na recuperación da memoria colectiva a través da fotografía. Concluía o rexedor que con este programa “se inicia un proceso de transformación que continuará en próximas edicións”.

Publicidad

Ao tempo explicou coma mudou tamén a concepción do libro das festas que pasa a converterse nunha publicación con valor artístico, dedicada este ano ás fotografías antigas. Pero amais o libro convértese nun elemento de solidariedade xa que, salvo o día da lectura do pregón, os cidadáns que desexen ter un exemplar deberán aportar un quilo de alimentos non perecedoiros que logo serán doados a SOS Tomiño Baixo Miño. Do mesmo editáronse mil exemplares.
As festas contan cun orzamento de 80 mil euros, e tal coma explicou a concelleira de Facenda, Yolanda Rodríguez, en parte se sufragarán cos ingresos das taxas por ocupación de vía pública dos postos e atraccións. Apuntou amais que, ante a falla de persoal en Urbanismo, externalizouse nunha empresa de enxeñería a inspección das atraccións que comezarán a instalarse o próximo luns, e sobre as que este ano se controlará tanto o volume da música coma os horarios.
O tenente alcalde e concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón, salientou coma as festas deste ano profundan tamén na relación da Eurocidade co recoñecemento a súa labor na constitución desta entidade ao presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, que será o responsable da lectura do pregón. Precisamente nese acto explicaba Miguel Capón que será presentada a bandeira oficial de Tui.
A concelleira de Cultura, María José Rodríguez, explicou coma se tentou elaborar unha programación para todos, dando continuidade a eventos exitosos coma a Semana do Teatro Afeccionado ou o Festival Folclórico de San Telmo, e incorporando coma novidade actividades infantís todas las mañás durante as festas. Agradeceu a súa colaboración ás asociacións culturais tudenses pola súa implicación nesta programación.
O concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, destacou a gran presenza que o deporte terá este ano con actividade de rúa todos os días e con exhibicións de deportes coma judo, bádminton, tenis ou patinaxe. Tamén tivo palabras de agradecemento para os clubs deportivos pola súa disposición a colaborar nas festas.
O concelleiro de Medio Ambiente, José Martínez Tato, explicou coma durante as festas se reforzará o servizo de limpeza na cidade, ao tempo que facía un chamamento á colaboración cidadá. Nese senso tamén se pronunciou a concelleira de Patrimonio, Carme Núñez, quen destacou as tarefas de limpeza que se están acometendo xa no Conxunto Histórico, solicitando a colaboración cidadá para compaxinar o dereito ao disfrute durante as festas co descanso dos veciños e o respecto ao patrimonio, e convidando á cidadanía a disfrutar desta zona da cidade durante a semana grande. O concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, destacou o operativo especial que levará a cabo a Policía Local durante os festexos para controlar o tráfico nos días de maior afluencia, así coma coa regulación do tráfico co corte dalgunhas rúas para dar cabida a actividade ao aire libre. Tamén fixo fincapé no Plan de Emerxencia e Seguridade redactado polos técnicos municipais para o luns de San Telmo.

                                          Banner Tuicom


A programación
As Festas de San Telmo, declaradas de Interese Turístico Galego, celebraranse en Tui do sábado 26 de marzo ao luns 4 de abril. A apertura oficial terá lugar o sábado 26 ás 19.30h no Teatro Municipal coa lectura do pregón a cargo do presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes. Será un acto institucional no que intervirá o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e se presentará a bandeira oficial da cidade. Haberá asemade un concerto de óboe e guitarra a cargo de Raquel Alves Balado e Sergio Alonso Pazo e a banda de gaitas Arume de Malvas interpretará o himno galego. De seguido será inaugurada na Sala de Exposicións Municipal a mostra “Fotografía antiga de Tui San Telmo 2016” que reúne 50 fotografías antigas anteriores a 1930, algunhas delas inéditas ata o de agora. Precisamente parte destas fotografías ilustran o que será este ano o libro das festas que se repartirá gratuitamente nesta data, e que logo se entregará a cambio dun quilo de alimentos que serán doados a SOS Tomiño Baixo Miño. O acendido do alumeado das festas e o concerto no Paseo da Corredoira de Ollos Pretos e Donicelas completará o programa do primeiro día de festexos.
Os nenos poderán disfrutar durante as festas de actividades animación infantil gratuítas cada mañá no Paseo da Corredoira, e cada tarde haberá proxeccións de cinema infantil na Sala Félix Rodríguez. O deporte estará moi presente durante a semana de festas con exhibicións de judo, bádminton, patinaxe, atletismo, tenis, fútbol sala..., e unha concentración de coches antigos no que se darán cita máis de 80 clásicos. Como novidade incorpórase a Carreira da Broa.
A música estará presente ao longo das festas con concertos ao aire libre coma o que ofrecerán na Corredoira a Banda de Música Popular de Tui ou a Agrupación Musical do Rosal, ou o da Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín na Praza de San Fernando. A actuación das charangas Cantos Somos e Fuego, do grupo Amigos dos Bombinhos, de bandas de gaitas e grupos folclóricos, xunto as verbenas e un festival de karaoke forman parte tamén da programación. Na VIII Semana de Teatro Afeccionado, do luns 28 ao sábado 2, os grupos locais estrearán no Teatro Municipal de Tui as montaxes para esta temporada.
Amais en distintos locais de hostalería celebrarase a Semana Gastronómica San Telmo, e na rúa Compostela o domingo 27 terá lugar unha Festa Gastronómica.