Domingo 17 Diciembre 2017

Face  Twitt  Google  Pint  Instagram

Amais haberá percorridos temáticos os días 11, 12, 30 e 31 ás 20.15 h

As visitas guiadas gratuítas á cidade de Tui cambian o seu horario durante o mes de outubro e tamén a súa periodicidade. Pasan a realizarse os venres, sábados e domingos ás 20.15h cun percorrido aproximado dunha hora polo barrio xudeu. Con estas visitas nocturnas búscase ofrecer outra imaxe da cidade apreciando aspectos que as veces pasan desapercibidos á luz do día. Nestes percorridos darase a coñecer o amplo patrimonio que ten Tui ligado á presenza da comunidade xudía na cidade con visitas ao lugar onde se emprazaba a sinagoga na rúa Ordóñez, e á carnicería na rúa Entrefornos, entre outros.
Durante este mes de outubro programáronse amais catro visitas temáticas concretas a realizar os días 11, 12, 30 e 31 deste mes, saíndo todas ás 20.15h dende a praza da Inmaculada. Así o mércores 11 proponse un percorrido nocturno polo Burgo Premedieval, e o xoves 12 – festivo – pola cidade medieval. Mentres no remate do mes o luns 30 visitaranse os Sambenitos Inquisitoriais, pezas únicas en Europa que se custodian no Museo Diocesano, e o martes 31 farase un percorrido polos cárceres e outros lugares vinculados á presenza da Inquisición en Tui. Cartel visitas guiadas outubro
Cómpre lembrar que as visitas guiadas foron postas en marcha novamente este verán pola Concellería de Turismo do Concello de Tui co obxectivo de achegar o patrimonio e a historia tudense tanto aos propios veciños coma aos visitantes. O historiador Suso Vila é o encargado de guiar estes percorrido. Durante os meses estivais as visitas realizáronse con dúas proposta diarias de luns a venres e un percorrido vespertino nas fins de semana e festivos participando nas mesmas máis de 2.600 persoas. No outono e inverno apostase por visitas temáticas que comezan en outubro e continuarán no mes de novembro e decembro con outras propostas que se darán a coñecer proximamente.
Visita culturais gratuítas mes de outubro
Punto de Partida: Praza da Inmaculada
Horario:
Venres, sábados e domingos ás 20.15h percorrido nocturno polo Barrio Xudeu
Visitas nocturnas especiais
Mércores 11 de outubro ás 20.15 h Visita Burgo Premedieval
Xoves 12 de outubro ás 20.15 h Visita Cidade Medieval
Luns 30 de outubro ás 20.15 h Visita Sambenitos Inquisitoriais
Martes 31 de outubro ás 20.15 h Visita Cárceres e Inquisición en Tui

Publicidad