Sábado 19 Junio 2021

Face  Twitt  Google  Pint  Instagram

Tui celebra este sábado a VI Festa do Miño

O evento combina deporte, gastronomía e música ao longo da xornada na que se agarda participen miles de persoas. Ás 22.30h na rúa Lugo estará en concerto Guadi Galego

O río Miño é o gran protagonista da festa que este sábado se celebra en Tui e na que se agardan miles de persoas ao longo da xornada. Deporte, gastronomía, música son só tres dos ingredientes da Festa do Miño que cumpre a súa sexta edición.
O programa previsto comeza ás 12h na ribeira de Caldelas coa V Romaría Popular. Dende este punto ás 16h sairán os preto de 800 participantes que se agardan no VI Descenso Popular do Miño organizado polo Club Kaiak Tudense. Serán preto de sete quilómetros os que participantes realicen en piragua ata Tui, fronte ás instalacións do Centro Interfederado. ÁS 18.30h dende Salvaterra de Miño, preto da ponte internacional, terá a súa saída o XLV Descenso Internacional do Miño no que van participar 550 padeeiro de 42 clubs españois, portugueses, arxentinos e italianos. A penas unha hora tardarán en completar os 16 quilómetros percorrido ata a liña de meta en Tui as primeiras embarcacións k2 e k1.

Publicidad

A rúa Lugo acollerá a partir das 20h a VI Festa Gastronómica con nove postos dobres a cargo das asociacións culturais Seixos Albos de Areas, Aloia de Pazos de Reis, Santa Columba de Ribadelouro, Xuntanza de Randufe, San Xoan de Paramos, O Mosteiro de Pexegueiro, A Insua de Caldelas, Lembranzas da Terra de Guillarei, e Santiago de Malvas. A prezos populares poderanse degustar pratos tradicionais elaborados artesanalmente.Concerto Guadi Galego
ÁS 22.30h a música en directo será a protagonista co concerto a cargo de Guadi Galego que presentará "Lúas de outubro e agosto" o seu segundo traballo como solista tras o álbum Benzón, que se publicou en 2009. Estará acompañada no escenario por Guillerme Fernández, Guitarras e coros; Paco Charlín, baixo; e Isaac Palacín, batería e coros. Cunha longa traxectoria musical que comezou no ano 97 formando parte de Berrogüeto, formou parte dos proxectos colectivos: Nordestinas, Espido e aCadaCanto, e ten colaborado con múltiples artistas coma Uxía, Marful, Susana Seivane, Tejedor, Fred Martíns, Capercaille… O ano pasado Guadi Galego foi galardoada co “Premio da Crítica de Galicia”, nomeada aos “Premios da Música Independente” e galardoada co “Premio Bos e Xenerosos” da Fundación Eduardo Pondal.
Restricións no tráfico
Debido á celebración da Festa do Miño, e para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento dos eventos haberá algunhas restricións no tráfico. Así dende ás 10h pecharase ao tráfico a baixada á rúa Olímpicos tudenses – onde están situados os clubs de remo e piragüismo - dende o cruzamento coa Avenida de Portugal. Amais para os participantes no Descenso Popular habilitarase un aparcamento na antiga alfándega.
Por outra parte pola celebración da Festa Gastronómica a rúa Lugo estará pechada ao tráfico dende o venres ás 8h, a rúa Mondoñedo dende o sábado ás 10h e a rúa Ourense dende o sábado ás 14h. Estas prohibición de circulación e estacionamento manteranse ata ás 4h do domingo. Amais no aparcamento municipal non se poderá estacionar na esquina entre a rúa Ourense e a Área Panorámica dende venres as 8h, e o sábado dende ás 14h pecharase a saída do aparcamento cara a rúa Ourense.

Tui – VI Festa do Miño
Sábado 13
Ás 12h Comezo da V Romaría de Caldelas. Xantar Campestre
Ás 16h Saída do VI Descenso Popular do Miño dende Caldelas
Ás 18.30h Saída do XLV Descenso Internacional do Miño dende Salvaterra
Ás 19.30h Chegada do Descenso Internacional ás instalacións do Centro Interfederado
Ás 20h VI Festa Gastronómica na rúa Lugo.
Ás 22.30h Concerto musical de Guadi Galego na rúa Lugo

Publicidad