Sábado 18 Septiembre 2021

Face  Twitt  Google  Pint  Instagram

Ana Varela e Óscar Carrera premios Deporte Tudense Deportista feminina e masculino 2016

Premios deporte Tudense 2016

O Kaiak Tudense recibiu premio ao Club Tudense e Esteban Alonso e Manuel Pedrares os de Mellor Adestrador

Os padeeiros Ana Varela e Óscar Carrera foron galardoados co Premio Deporte Tudense 2016 aos Deportistas nas categorías feminina e masculina, respectivamente. Ningún dos dous puido estar presente na gala celebrara no Teatro Municipal ao estar concentrados en Madrid. Deste xeito recoñeceuse os logros de Ana Varela, cuarta este ano na Copa do Mundo en K4 500 metros e segunda no K4 200 metros. Mentres o padeeiro Óscar Carrera foi diploma olímpico nos Xogos de Río 2016 no K4 1000 metros. O Club Kaiak Tudense, mellor club de piragüismo de España, campión de inverno de pista e campión galego, recibiu o Premio Deporte Tudense Club Tudense que foi recollido polo seu vicepresidente Serafín Piña. Os seus adestradores, Esteban Alonso e Manuel Pedrares – este último non puido asistir por un proceso vírico – viron recoñecido o seu traballo co premio Mellor Adestrador.

Publicidad

O xurado, formado por José Manuel Quintana, Rosendo Bugarín, Enrique Míguez, Marisa Giráldez, Beatriz González e Laureano Alonso, decidiu outorgar os premios Promesa Masculina e Feminina a dous deportistas en cada categoría: o piloto de karts subcampión do mundo en Italia Adrián Malheiro, o padeeiro campión de España infantil en c1 en slalom e en patrullas Daniel Pérez, a atleta campioa galega infantil e campo a través e record galego en ruta Lucía Portela, e a padeeira campioa de España cadete en k1 500 metros Lara Feijoo.
O atleta Raúl Mansiño, campión de España e de Galicia de Cross foi galardoado co Premio Deporte Tudense Deporte Adaptado.
Mentres o Club Penedo de Caldelas, que este ano foi o primeiro club galego na historia en gañar o Campionato de España de Xoves Promesas en slalom, foi distinguido co Premio Deporte Tudense Promoción do Deporte Base, recollido polo seu presidente Juan José Ricón Soliño. Na categoría veterana os galardoados foron Susana Fontán, subcampioa de España de carabina tendido, campioa da Copa Federación en carabina, e campioa de España de Fusil, e Estrela de Prata ao mérito deportivo do Consello Internacional do Deporte Militar, e o padeeiro olímpico tudense Enríque Míguez que este ano se proclamou campión do Mundo en c1 e c2 en maratón, e campión de Europa e de España en c1 tamén en maratón.
A Comandancia Naval do Miño pola súa colaboración nas probas deportivas que se celebran no Miño recibiu o Premio Deporte Tudense Mención Especial que recolleu o Comandante Naval Enrique García xunto a segunda da Comandancia Anita Sánchez, e SOS Tomiño Baixo Miño foi distinguida coa Mención Especial Solidaria, que recolleu o seu presidente José Quinteiro, polo traballo asistencia que realizan pero tamén pola colaboración dos seus voluntarios en distintos eventos deportivos. Gadis, representado polo delegado de Gadisa na Área de Pontevedra, Pablo Louro, foi recoñecido pola súa colaboración con clubs e probas deportivas no municipio dende a súa implantación na cidade co Premio Deporte Tudense Firma Comercial.
Houbo tamén homenaxe a deportistas tudenses históricos os futbolistas Antonio Giráldez, Ángel José Pintos, Juan Carlos Pintos e Salvador Iglesias, a padeeira Antonia Romero e a atleta Dolores Pedrares. Nesta gala recoñeceuse de forma póstuma a Ángel Barros coa Mención Honorífica por toda unha vida ligada ao deporte.
A gala contou coas actuacións dos grupos Pelepau e Matissando. Estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto ao concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, a deputada de Deportes, Chelo Besada, entre outras autoridades.
Publicidad